Wednesday 08 de May de 2024

Iluminación do Nadal en San Sadurniño


Hoxe acendeu a modesta iluminación do Nadal de San Sadurniño, concentrada nos principais espazos públicos da zona urbana. Unha guirnalda na torre do pazo, o arborado da praza do antigo Concello e unha grande cascada de luz na rotonda do Outeiro, son os elementos principais da decoración municipal. E é que desde o consistorio este ano apostouse por implicar a toda a veciñanza no lucimento de casas, negocios e incluso lugares enteiros por medio do certame “Engalana o teu concello”. O concurso concederá 25 premios en tres categorías:
Individual: para veciñas ou veciños a título individual, que poderán levar algunha das 15 cestas de produtos da terra que hai como premio.
Colectiva: para varias persoas (mínimo 2 e máximo 5) que decidan facer unha decoración conxunta das súas vivendas ou de espazos públicos que teñan preto, como por exemplo adros, rueiros, parques ou áreas recreativas… Concederanse 5 premios consistentes en ceas ou xantares para 5 persoas nos restaurantes e casas de comidas locais.
Establecementos: na que poderán entrar todos os negocios de San Sadurniño -tendas, bares, restaurantes, comercios, talleres, granxas, etc.-, sexa cal sexa a súa actividade. Haberá tamén 5 premios en forma de cestas con produtos da terra.
Pódese coller material de reciclaxe, elementos naturais -plantas, pólas, flores secas ou de temporada, etc.-, apeiros ou utensilios, e cos elementos elixidos deberase decorar o exterior da casa de maneira artesanal. Canto máis bonita, rechamante e elegante quede, mellor. Excepcionalmente poderase complementar a composición con luces, aínda que estas non deben ser o único elemento xa que, ademais da reciclaxe e a reutilización, o Concello tamén se quere promover un consumo enerxético responsable.

É moi importante adobiar o lado da casa que dea á rúa ou a pista que teñamos máis preto -ou que a se decore toda- para que a obra poida vela desde fóra calquera persoa que pase por alí.
O xurado do certame “Engalana o teu Concello” estará formado por tres persoas relacionadas co sector da decoración, quen poderán visitar os conxuntos que consideren necesarios para faceren a súa valoración. O seu veredicto darase a coñecer o día 30 de decembro e a entrega dos premios, de ser posible, celebrarase na Casa do Concello o sábado 9 de xaneiro ás 12.00h.